tecnocesures

28 outubro 2010

USAR O VELLO OU PRODUCIR ECOLÓXICO

Estamos afeitos a que nos digan “compre unha lavadora de clase enerxética A”, “elixa un coche que consuma menos”, “fagamos ecoaldeas”, “promovamos a arquitectura ecolóxica”, e cousas polo estilo.
Todo iso está ben, pero se levo ese conto á miña vida encóntrome co seguinte:
Eu teño unha lavadora vella, que nin sei de que clase é, poñamos que C... ou D (para o que conto tanto dá), teño un coche que uso con prudencia e consumo bastante pouco por como acelero e demais, e vivo nunha casa que loxicamente xa está construída; ¿convenlle ao Planeta que cambie a lavadora, cambie o coche e constrúa unha ecovivenda nova ou que use o que teño con prudencia?
Así de golpe paréceme que non, que mellor seguir co que teño; a curto prazo sospeito que tampouco, que mellor seguir usando con coidado o que agora teño, porque de aquí a dez anos o que hoxe é ecolóxico será ‘ecoilóxico’ (e non teño claro se dez anos de uso compensarían o impacto que supón conseguir o novo), e dentro de dez anos tería que repetir o razoamento.
Porén, estraño que nos amosen esas contas: as contas medioambientais do que custa producir unha lavadora clase A, por exemplo; sei que funcionando consomen menos electricidade e, por tanto, son máis respectuosas co medio, pero esas lavadoras levan uns materiais que hai que extraer; transformar; fabricar pezas, compoñentes; montalas para facer compoñentes máis grandes ou xa o producto; embalar e transportar materiais, compoñentes, pezas; comercializar; etc., e en todos eses pasos estamos continuamente contaminando, extraendo recursos da natureza e producindo impactos.
Se eu quero ser respectuoso coa Terra, entón, que fago?
Unha cousa sei: Respecto, como Reducir e Racionalizar, empeza con R.
Se reduzo e racionalizo o uso son respectuoso.

Etiquetas: , ,