tecnocesures

23 fevereiro 2021

RENDEMENTO DOS MOTORES ELÉCTRICOS


 

É moi variable, pero en todo caso é moi superior ao dos motores térmicos.

Nesta ligazón que encontrei tedes unha explicación e uns valores de referencia, a título de curiosidade.

En todo caso, nesta outra ligazón vemos que hai motores que se achegan ao 99% de rendemento, moi superior ao 95% que dixen, por decir, na clase do martes.

Etiquetas: , , ,

19 fevereiro 2020

VIVISECCION DUN COCHE HÍBRIDO

Preguntaron en clase se os coches eléctricos levan motor de c.c. ou c.a.
En xeral, as máquinas de c.a. teñen mellor rendemento, así que sería en principio o previsible.
Nesta web comprobamos que, polo menos no caso do Toyota Prius, así é. Hai ademais unha completa análise dos seus elementos.
Para que non se queixe o resto dos fabricantes, déixovos tamén unha escolla dos "mellores coches híbridos" para 2020.

Etiquetas: , ,

07 fevereiro 2020

Causa e efecto

Unha das causas:



Algúns posibles efectos, en Galicia:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2020/02/06/mapa-mortalidad-galicia-cambia-riesgo-muerte-concello/00031581003391931960709.htm

e en España:

https://elpais.com/elpais/2020/02/05/ciencia/1580906716_232241.html

Etiquetas: , , , , ,

25 janeiro 2016

AS FONTES DE ENERXÍA DO PRESENTE

http://thewe.cc/thewe_/images_6/----/health/Pelamis_wave-farm-at_EMEC.jpg
Moitas veces fálannos das fontes de enerxía do futuro, que se a fusión nuclear, a pila de hidróxeno, etc., etc., e na opinión de moitos este é un discurso intencionado para agachar a realidade: ESPAÑA, XA HOXE, PODERÍA ABASTECERSE DE ELECTRICIDADE NUN 90% USANDO SÓ A ENERXÍA DO SOL, DO VENTO E DAS CORRENTES MARIÑAS.
E poño un 90% por ser prudente. Para compensar a intermitencia unha solución sería utilizar centrais hidroléctricas de bombeo, ademais de descentralizar a produción e ter almacenaxe doméstica en baterías, por exemplo, ou apostar por outros tipos de conversión electroquímica ou electromecánica.
En canto ao custo da solar, xa moitas veces falei da mentira que se conta sobre o seu suposto alto prezo en comparación coas enerxías non renovables (fósiles e do uranio), pero estes días o xornal El País volveu co tema.
Espero que a estas alturas ninguén teña xa claro que os que contan o contrario é por intereses políticos, que en último termo son intereses económicos persoais. E son os mesmos que negaban o quecemento global malia todas as evidencias científicas... que causalidade!
Ademais do evidente, apostar polas renovables xeraría moitísimos postos de traballo no noso país, ademais de afectar moi positivamente a Balanza de Pagamentos e reducir a dependencia da nosa economía con respecto ao exterior. Un exterior, para máis, convulso.

Etiquetas: , ,

19 janeiro 2016

RENOVABLES, A ÚNICA OPCIÓN

Falabamos hai tempo que os argumentos que utilizaban os detractores das renovables é que son caras e intermitentes. Hoxe hai recursos tecnolóxicos máis que de sobra para vencer a intermitencia, e xa daquela vos dicía que se se considerase o prezo real das non renovables (sobre todo os custos derivados do seu impacto medioambiental) tampouco sería certo. Así que, tras esta noticia de La Voz de hoxe (que nos conta que xa é máis barata a enerxía de orixe solar cá do carbón), está claro que o único argumento dos detractores das renovables é garantir que os colegas dos ministros e presidentes de turno non perdan o seu negocio. Se miramos os dous últimos presidentes do goberno de España, a diferencia é ben clara: Zapatero apostou por impulsar as renovables; Rajoy, por penalizalas.

Etiquetas: , ,

03 junho 2015

ZONAS CLIMÁTICAS


Eis o mapa que nos indica en que zona climática se encontra cada punto de España. Nel, o texto pode levar a confusión: os valores de referencia indicados son para a enerxía que, contando o conxunto dun ano, chega de media CADA DÍA a cada metro cadrado de superficie.

Foi tirado desta web, que explica con bastante claridade que son as zonas climáticas e que implicacións teñen. En todo caso, nós non necesitamos saber case nada disto.

Etiquetas: ,

29 maio 2015

EVOLUCIÓN NO RENDEMENTO E NO PREZO DOS PANEIS FOTOVOLTAICOS

O primeiro gráfico (sacado desta web) recolle como evolucionou o rendemento dos paneis experimentais ao longo do tempo. Nel, cada liña corresponde a un tipo de panel fotovoltaico distinto. En calquera caso, vedes que a medida que avanza o tempo o rendemento dos paneis de calquera deses tipos sempre aumenta, a maior ou menor ritmo, pero sempre aumenta.

Para falarvos da evolución do prezo póñovos tres imaxes: a primeira móstranos como baixou o prezo nos últimos 36 anos...
A segunda, en español, fala máis polo miúdo da evolución nos últimos dez anos:
A terceira (sacada desta web británica) reflicte como variou o seu prezo nos últimos anos e a evolución prevista para o futuro próximo.


Se comparades os valores dos distintos gráficos, que non vos pareza que se contradín; o que ocorre é que fan referencia a cousas lixeiramente distintas. Por exemplo, a primeira é para cada Vatio-pico e vai en dólares; a segunda vai en euros e é para un panel de 140 Wp; a terceira está en dólares (a azul) e en libras (a vermella), e fai referencia a investigacións distintas para os prezos por Vatio-pico de paneis listos para funcionar.
En todo caso, a conclusión destes catro gráficos é a de sempre, que se cadra é a única lei válida, sempre, en enxeñería: a medida que se investiga en calquera eido da técnica, o rendemento dos equipos aumenta de xeito continuo e o seu prezo baixa progresivamente.

Etiquetas: , ,

15 maio 2015

É PERIGOSO VIVIR CERCA DUNHA CENTRAL NUCLEAR?

Todos temos claro que si o é, xa que no caso de producirse un accidente iamos levar a peor parte. Pero a xente normalmente non vai tan lonxe e se pregunta se a nosa saúde corre riscos por vivirmos preto dunha central nuclear sen poñernos no caso de que chegue a producirse un accidente.
A cuestión formulada así non está tan clara.
Por iso, póñovos ligazóns a varias webs que falan do asunto, reflectindo as conclusións de diversos estudos.
Din que non ten perigo:
- UN ESPAÑOL, DE 2010
- DOUS BRITÁNICOS, DE 2011 E 2013.
Din que si o ten:
- UN ALEMÁN, DE 2007
- UN FRANCÉS -VÍA MÉXICO- DE 2012.
Será que ten risco nuns países e non noutros (polo rigor dos controis que se fan sobre o seu funcionamento) ou que nalgúns países os estudos foron censurados?
O que acha você?

Etiquetas: , , ,

11 maio 2015

A FIN DA INTERMITENCIA?


Mentres o goberno do Estado leva tempo facendo política de asuntos medioambientais que debían ficar á marxe, dúas noticias relativamente recentes parecen indicar que un dos inconvenientes máis frecuentemente argüidos polos inimigos das renovables (a intermitencia) está preto de ser historia: a avanzada marcha do Proxecto Magallanes e a presentación da batería doméstica de Tesla.

Etiquetas: , , ,

12 março 2015

MAQUIAVÉLICO CARBÓN

Os que defenden as fontes non renovables -ou atacan as renovables- argumentando cuestións económicas teñen hoxe nesta noticia do xornal El País datos novos que deberían facerlles reflexionar. Por exemplo, dela tiramos literalmente: "Un estudio de la Universidad de Stuttgart (Alemania) demostró además que las emisiones de este tipo de infraestructuras causaron la muerte prematura de 22.300 ciudadanos europeos en 2010." Cando fala deste "tipo de infraestructuras" refírese ás centrais térmicas de carbón. Argumentos como que dan traballo e son máis baratas son tan pouco válidos como o prezo das máis de 100.000 vidas perdidas só en Europa por culpa de queimar carbón desde 2010. Ou non, mentres non sexa a nosa (vida). Porque - xa o dicía Maquiavelo- "o home esquece antes a morte do pai cá perda do patrimonio".

Etiquetas: , ,

03 março 2015

MIX ELÉCTRICO 2014

Se alguén ten curiosidade por ver como marcha o mix de xeración de electricidade en España, eis os datos de 2014 (é o diagrama de sectores que está debaixo de "2014", que coincide co de "Acumulado año móvil" xa que corresponde ao 31 de decembro).

















Un dato interesante pode ser que a solar xa suma o 5%, o cal non está nada mal tendo en conta que é un recurso infrautilizado no noso país. Canto podería alcanzar se se aproveitase e promovese desde a Administración?

Etiquetas: , ,

03 fevereiro 2015

A ELECTRICIDADE, VENTO EN POPA!!!

Refírome ao prezo, e desde o punto de vista das compañías eléctricas.
A asociación de consumidores FACUA publicou hoxe un estudo no que afirma que o recibo da electricidade subiu no último ano (de xaneiro de 2014 a xaneiro de 2015) un promedio do 17,75%.
Isto non quere decir que a todos nos subise nesa proporción, a uns subiulles máis e a outros menos.
En todo caso, está claro que nin a solución do automóbil pasa pola súa electrificación (así, sen máis, e moito menos coa política do goberno con respecto á autoxeración) nin as políticas eléctricas españolas actuais son as máis acertadas desde o punto de vista económico (e, con seguridade, tampouco desde o ecolóxico).

Tiña unha graza un pouco tráxica escoitar hoxe o ministro Soria en Espejo Público recoñecer que cando fai vento o prezo da electricidade baixa. E seguen desincentivando as renovables. En fin, así nos vai.

Etiquetas: ,

17 outubro 2014

A "ESTAFA" DAS FOTOVOLTAICAS

Tirando de hemeroteca, eis dúas noticias sobre a chamada "estafa das fotovoltaicas":
- De LA RAZÓN, 28 de outubro de 2012
- De EL PAÍS, 17 de xullo de 2013

Resumindo ao máximo, o problema foi que un goberno prometeu determinadas primas á xeración de electricidade en pequenos hortos solares e que o goberno posterior non só reduciu esas primas senón que decidiu cobrar aos pequenos produtores de enerxía solar fotovoltaica por cada kWh de enerxía eléctrica producida.
Son decisións políticas, que como calquera decisión é opinable e xustificable.

Etiquetas: ,

14 outubro 2014

¿TRANSFORMAR ENERXÍA LUMÍNICA EN QUÍMICA? ¿ESTÁS DE COÑA?

Non. Iso mesmo fano as plantas mediante a fotosíntese desde antes de que o home puxese os pés na Terra. A cuestión é que desde hai anos estase a traballar na Fotosíntese Artificial; é decir, facer o mesmo pero con "máquinas".
Un dos camiños principais parece ser partir a molécula da auga para obter hidróxeno que logo se podería usar como combustible en motores.
Eis un blog no que falan disto.
Póñovos a ligazón a unha entrada antiga na que vos falo doutras transformacións de enerxía. E outra máis.

Etiquetas:

09 outubro 2014

QUE MATA 20.000 PERSOAS POR ANO EN ESPAÑA?

Esta noticia fala do que xa imaxinades, e constata que o tema segue aí, aínda que prefiramos preocuparnos con outras historias. Eis, tamén, a ligazón co informe de Ecologistas en Acción do que falan na noticia.
Cousas do antes e despois, en 16 días a OMS vai dar noticia contando que no mundo son sete millóns de persoas as que morren cada ano a causa da contaminación, unha de cada oito. Case nada.


Etiquetas: , , ,

27 maio 2014

OS DEZ LUGARES MÁIS RADIACTIVOS

Se queredes alarmar alguén para que se opoña ás centrais nucleares podedes poñerlle este vídeo:

Etiquetas: ,

TRANSPORTE DA ENERXÍA ELÉCTRICA E TRANSFORMADORES

Como "sabedes" a potencia eléctrica é o produto da voltaxe e a intensidade. Unha mesma cantidade de enerxía eléctrica pódese comunicar a unha voltaxe ou, por exemplo, ao dobre desa voltaxe. Neste segundo caso, a intensidade reduciríase á metade. Como as perdas no transporte dunha potencia eléctrica dependen do cuadrado da intensidade, nese segundo caso perderíase a cuarta parte da potencia que se perdería no primeiro caso. Se multiplicásemos por 10 a voltaxe, como a intensidade se dividiría entre 10, as perdas dividiríanse entre 100. Se multiplicásemos a voltaxe por 100, as perdas dividiríanse entre 10.000.
Por ese motivo, á saída das centrais auméntase a voltaxe da enerxía eléctrica que xeran os alternadores para que se produzan menos perdas no transporte e para aforrar en material condutor e en estruturas metálicas, basicamente (como a intensidade é menor fan falla cabos menos grosos e máis lixeiros). Logo preto das poboacións e das industrias redúcese esa voltaxe por motivos de seguridade e para axeitar aos poucos a tensión ao valor de consumo. Isto está representado na seguinte imaxe:
Comenteivos tamén que as centrais están interconectadas cos centros de consumo por redes de alta tensión e de media. Pégovos aquí un mapa das redes de alta tensión de España, na que tamén figuran subestacións transformadoras e algunhas centrais eléctricas















Como debedes saber despois de todo isto, para aumentar e diminuír a tensión cómpre usar os transformadores.
Se vedes un destes nun poste non é un OVNI, é un transformador:
















O seguinte esquema saqueino desta entrada doutro blog sobre a materia de Tecnoloxías (moito máis currado có noso; se vos interesa moito o asunto dos transformadores podedes botarlle unha ollada) e recolle as partes e a función das partes principais do transformador: o circuíto primario que está conectado á voltaxe de partida (V1) -é a que xera o alternador na central, por exemplo- que xera o fluxo magnético no núcleo metálico -frechas vermellas-. Este fluxo magnético induce no secundario outra voltaxe (V2), que ten o valor que queremos obter. Para isto temos que poñer o número axeitado de espiras -voltas de cable- no primario e no secundario: se poñemos máis espiras no secundario (N2) que no primario (N1), o transformador elevará a tensión; se son menos, vai reducila.















Eses valores están relacionados mediante a expresión
V1/N1=V2/N2
xa que a voltaxe que cae en cada espira do primario e do secundario ten o mesmo valor.
Como en calqueroutra máquina nos transformadores tamén hai perdas de enerxía. O rendemento do transformador relaciona a potencia inducida no secundario coa que lle "metemos" polo primario e poderíase calcular aproximadamente como
R=100·(V2·I2)/(V1·I1)

Etiquetas: ,

21 maio 2014

CENTRAL XEOTÉRMICA

Este esquema en italiano aclara bastante ben como funciona unha central xeotérmica:

Se vos gusta máis o idioma de Shakespeare có de Pirandello, eis un vídeo explicativo de como funciona:

Pero igual queredes ver o aspecto que teñen na realidade, así que aquí vos deixo esta foto da central de Nesjavellir, na Islandia. E se queredes algo de información, premede nesta ligazón.
Apetécevos saber máis desta central? No seguinte vídeo damos un paseo por ela...

Etiquetas: ,

20 maio 2014

UNHA CENTRAL DE BIOMASA GALEGA


Agora hai máis (por exemplo na factoría da FINSA en Padrón disque teñen unha), pero a primeira que eu coñecín foi a de Allarluz, en Allariz. Eis unha pequena presentación e logo unha ligazón a un PDF no que nos falan dela.
Neste outro PDF, un tal Anxo Quintana -na data que asina o documento era alcalde de Allariz, logo foi vicepresidente da Xunta- cóntanos a historia de como a puxeron en marcha.
Unha característica moi positiva desta central de Allariz é que funciona con restos da limpa dos montes, o que axuda a que o monte estea máis limpo, de xeito que non se produzan incendios ou que, se se produciren, sexan máis doados de extinguir (ademais de obter enerxía eléctrica que se non habería que producir doutro xeito).

Etiquetas: ,

PROBLEMAS DOS BIOCOMBUSTIBLES

Está claro que o uso e produción de biocombustibles, como todo, ten as súas vantaxes. Pero tamén ten os seus inconvenientes. Se tecleades en Google "monocultivos bicombustibles" o "biocombustibles alimentos" obteredes algúns resultados da procura como os que vos coloco aquí.
Os dous primeiros teñen moito que ver co problema alimentar:
- Un do Instituto Internacional de Investigación sobre Políticas Alimentarias
- Outro de BIOGENIC (Biólogos Genetistas Colombianos)
Os outros dous teñen máis relación co problema medioambiental:
- Un de ECONOTICIAS.COM
- Outro de Miguel A Alteri, da Universidad de California

Etiquetas: , ,